Thursday 16 de May de 2024

Case un cento de inscricións na ruta BTT nocturna deste sábado polos arredores de San Sadurniño


 

Hai gana de gozar da bici ao aire libre. Non hai outra explicación para o éxito de inscricións que colleitou a ruta BTT nocturna organizada para este sábado polo Concello e o club Biela e Chaveta. E é que ao remate do prazo dado polo Concello rexistráranse 98 solicitudes, boa parte delas de San Sadurniño pero tamén doutros municipios da comarca e de lugares tan afastados como Cambre, por exemplo. O dato causou certa sorpresa entre a organización, que non agardaba unha participación tan elevada. Non hai problema, nos 22 quilómetros de itinerario hai sitio para todas e todos, posto que non se trata dun evento competitivo. Abonda con estirar máis a serpe ciclista e listo. Porén, no que si se insiste é na necesidade de manter as distancias e de todas as medidas preventivas conta a COVID-19 xusto antes da saída, que se dará ás 22.00h. de diante do CPI. Ademais da hixiene e da separación tamén será obrigatorio usar máscara protectora en todo momento mentres non se emprenda a marcha.

A ruta é unha cita non competitiva e con participación gratuíta que sairá de diante do colexio público coas últimas horas do día. Logo tirará para Doso subindo até a Casanova e desde alí baixará a Pedroso pasando polo Castro e tirando case en paralelo ao rego do Carballo até Vilallonte, onde dará volta de par da AC-112, baixará á Revolta e seguirá camiño pola ribeira norte do Xubia ata alcanzar de novo o centro urbano.

Esta será a ruta máis longa, a de 22 Km., e tamén a máis técnica. Por iso se reserva para persoas adultas e/ou rapazada que xa teña resistencia e, sobre todo, experiencia en trazados complicados. Para o resto -xente grande e menores que só queiran probar- haberá un percorrido máis curto e tamén doado de completar.

Para levar un control máis exhaustivo do desenvolvemento da ruta, a área de Deportes e máilo club BTT Biela e Chaveta acordaron que en primeiro lugar sairá o grupo “pro” e, posteriormente, as persoas participantes na ruta de baixa intensidade.

Durante o percorrido non será obrigatorio o uso de máscara hixiénica, pero si antes da saída. Ademais, seguindo o protocolo xeral da Xunta para a práctica deportiva -Fisicovid DXGalego- incídese en que nos momentos previos (chegada, preparación das bicis, etc.) se extremen as medidas preventivas: hixiene respiratoria, distanciamento, evitar o saúdo con contacto físico, non tocar ollos, nariz e boca e, importante, non tomar parte no evento se se nota algún síntoma coincidente co da COVID-19. Estas medidas tamén se deberán poñer en práctica en calquera parada técnica e tamén no punto de avituallamento, situado en Pedroso.

Outras obrigas -relacionadas coa seguridade ciclista- son o uso de casco, luz frontal e sinalización traseira. Recoméndase, ademais, empregar outro equipamento, como luvas, roupa que amorteza posibles caídas, etc.- aínda que o itinerario non revista perigos reseñables.

Recordamos que a ruta BTT nocturna deste sábado ten as inscricións pechadas e que só se admitirá a participación das 98 persoas apuntadas.